Contacontos, historias da man de Paula Carballeira no Casino de Perlío

O Casino de Perlío ten o placer de presentar no seu escenario do local social o sábado 1 de xuño, as 20:00 horas, Contacontos, historias da man de Paula Carballeira.

Paula, tras a gran acollida da súa presenza anterior no C.C.R.D. de Perlío, regresa ao noso lado para presentarnos unha actuación moito máis encarada ao público adulto.

Esta nativa de Maniños é moi coñecida grazas ás súas obras literarias de corte infantil e xuvenil, os seus poemarios, o seu traballo encima das táboas en moitas obras de teatro e pola súa participación en series da televisión galega como Libro de Familia ou Pepe o Inglés.

Esperámosvos a todos para que recibades como se merece a esta estupenda muller que volve a Perlío para deleitarnos co seu talento.

A entrada é gratuíta. Non hai escusas.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Alegre, narradora, faladora e retranqueira. Así se define ela, Paula Carballeira.

Este sábado pasado estivo con nós. Contando contos, historias, recuperando esa oralidade para que nunca se esqueza.

Porque as tradicións non se poden perder, eses contos que van pasando de boca en boca.

E Paula diso sabe moito. Porque ninguén coma ela para contalos, ninguén coma ela para enfialos; algúns doces como o marmelo, outros profundos coma os ríos galegos, ou inquedos, medorentos, sensibles, poéticos…. E que cado vai contándoos un non escoita nada máis que as súas verbas, ben fiadiñas, traspasando o aire e levando a carón de nós as lendas que nos sacuden e nos invitan a naufragar nelas. Con ese ton de voz ás veces tranquilo, outras axitado, ou poderoso, con eses ollos tenros que nos miran mentres o conto vai tomando forma e meténdose xa para sempre nos miolos .

Foi todo un pracer para esta sociedade que tivera a ben achegarse, e que nos deixara un novo xermolo, unha nova vivencia, un cachiño da súa experiencia.

Moitas grazas de parte de toda a Directiva, e sabemos que tamén da xente que alí estivo. Porque son os que dan forma a estes actos.

Contacontos, historias da man de Paula Carballeira no Casino de Perlío